A UDC E A COMPAÑÍA DE TRANVÍAS CREAN UNHA AULA INSTITUCIONAL

UDC_CTC

A Coruña, 13 de abril de 2015.- O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto Barbeito, asinou esta mañá na Reitoría o convenio de creación da Aula Compañía de Tranvías xunto co representante da empresa Compañía de Tranvías de La Coruña, CTC, Javier Contreras Rodríguez de Rivera.

A Aula Compañía de Tranvías ten como obxectivo coordinar eventuais colaboracións nas que poidan participar os estudantes, identificar liñas de investigación de interese para a UDC e para a CTC, realizar labores de asesoramento e organizar xornadas e conferencias sobre temas de interese para ambas as dúas entidades.


No acto de firma do convenio, o reitor destacou a importancia da creación das aulas institucionais porque forman parte, segundo explicou, dunha das misións da universidade que é a divulgación e a transferencia do coñecemento ás empresas. Ademais, dixo Armesto, será de beneficio mutuo atopar vías de colaboración en materia de investigación e constituirá un punto de achegamento dos estudantes da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos a esta empresa de transporte. O director xeral da Compañía de Tranvías, Javier Contreras, puxo de manifesto a importancia de establecer lazos de colaboración entre a empresa e a universidade, salientando que o feito de contar cun campus coa excelencia técnica e tecnolóxica como o da Coruña constitúe nunha oportunidade para abrir novas liñas de traballo tanto no eido da enxeñaría do transporte como na constante modernización da flota da compañía ou na implantación de novas tecnoloxías. Javier Contreras amosouse convencido de que a sinatura deste convenio marca o inicio dunha frutífera colaboración entre a Compañía de Tranvías e a Universidade da Coruña.


Pola súa parte, o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Ricardo Cao, presente na firma do convenio e de cuxa vicerreitoría dependen as aulas institucionais, subliñou a importancia do ámbito de traballo desta aula que se enmarca dentro do piar “cambios sociais” do novo programa de investigación da Unión Europea Horizonte 2020. “Dentro deste marco está un dos temas prioritarios para os próximos anos, o transporte intelixente, verde e integrado”, explicou alegando que o programa H2020 establece convocatorias de propostas comoMobility for Growth, Green Vehicles, Small Business e Fast Track Innovation for Transport.


Nesta liña abundou a recén nomeada directora da Aula Compañía de Tranvías, a profesora da área de Enxeñaría e Infraestrutura de Transportes da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos Margarita Novales Ordax. “Estas liñas do programa H2020 están relacionadas co reto da consecución dunha mobilidade urbana sustentable”, dixo. “Unha das liñas para conseguila baséase na oferta dun transporte público de cada vez maior calidade, atractivo para o usuario habitual do coche e que poida dar lugar a a un cambio de hábitos dos cidadáns”, continuou para concluír que o intercambio de coñecemento e experiencias que se darán no marco da nova Aula CTC contribuirá a avanzar nese obxectivo.


A interlocución da Universidade da Coruña co sector produtivo faise a través de varias canles, unha delas é a creación de Aulas institucionais que teñen como finalidade desenvolver actividades de formación, divulgación e transferencia de coñecemento. Actualmente, a UDC conta coa Aula Repsol e a Aula Fundación Paideia, ademais da nova Aula Compañía de Tranvías.

Facebook
Twitter
LinkedIn