Tranvías: un novo nome para unha nova etapa.

Esta tarde, presentamos no Club Cámara Noroeste a nosa nova identidade corporativa e o cambio de denominación a “Tranvías”, unha evolución de marca que simboliza o inicio dunha nova etapa orientada a liderar a mobilidade sostible do futuro na Coruña. No acto, no que participaron representantes da administración pública, do tecido empresarial e social da cidade, anunciamos ademais a incorporación de novos vehículos á flota antes de finalizar o ano para seguir reforzando o servizo de transporte público urbano.

Este rebranding, que foi deseñado pola axencia Costa, vai moito máis alá dunha renovación estética. A nova identidade busca reflectir a evolución natural tras máis de 120 anos de historia ligada á cidade e reafirmar o noso papel como operador histórico do transporte público coruñés, preparado para afrontar os retos da mobilidade do mañá.

Con esta transformación, pasamos de denominarnos “Compañía de Tranvías da Coruña” a “Tranvías”, apostando por unha marca máis clara, actual e funcional, capaz de adaptarse a todas as contornas físicas e dixitais sen perder o ADN que a acompañou durante décadas. Daniel Bembibre, socio e director creativo de Costa, foi o encargado de explicar as claves do redeseño. A nova identidade incorpora un símbolo simplificado e máis reconocible, pensado especialmente para contextos de lectura rápida e movemento, como o propio autobús urbano, e preparado para aplicacións en señalética, soportes dixitais, animación e iconografía. A implantación da nova imaxe realizarase de forma progresiva en toda a flota de autobuses e xa pode verse nalgúns vehículos, así como na web corporativa, a aplicación móbil e diferentes soportes de comunicación e merchandising. Os asistentes á presentación puideron coñecer un vehículo que xa incorpora a nova imaxe corporativa, exposto no Parrote para a ocasión.

Nun momento clave para a definición do modelo de mobilidade urbana da Coruña, subliñamos ademais a relevancia do futuro concurso de transporte urbano, un proceso que marcará as bases do transporte colectivo da cidade durante os próximos anos. Desde esta perspectiva, reafirmamos o noso compromiso cunha mobilidade eficiente, sostible e adaptada ás necesidades da cidadanía, apoiándonos na experiencia acumulada durante máis de 120 anos de servizo.

Neste sentido, Ignacio Prada, director de Tranvías, destacou o crecemento continuado do uso do autobús urbano na Coruña nos últimos anos e o papel crave que desempeña o servizo público de transporte colectivo na mellora da calidade de vida da cidadanía. E é que tras rexistrar máis de 28,5 millóns de viaxes en 2025 e manter unha tendencia de crecemento sostida por encima da media nacional, o autobús urbano consolídase como un dos principais actores da mobilidade da Coruña. Así mesmo, Ignacio Prada, anunciou que antes de final de ano ampliará a flota con novos vehículos máis eficientes, reforzando así o seu compromiso coa mellora continua do servizo. Estas incorporacións permitirán seguir avanzando cara a unha mobilidade máis respectuosa coa contorna e adaptada ás necesidades actuais e futuras das persoas usuarias.

Durante a súa intervención, sinalou que a nova identidade corporativa representa “unha evolución que mira cara ao futuro sen perder a esencia nin o vínculo histórico coa Coruña”. Ademais, subliñou que a ampliación da flota prevista para este ano forma parte da aposta da compañía por “unha mobilidade máis sostible, accesible e eficiente”, reivindicando o papel do transporte público como “un elemento clave para conectar barrios, xerar oportunidades e construír unha cidade máis habitable para todos e todas”.

Facebook
LinkedIn