Historia

Mais de 120 anos de historia

Despois de mais de 120 anos de servizo, a compañía de Tranvías da Coruña é todo un símbolo da cidade. Os seus autobuses forman parte da paisaxe coruñesa case tanto como os seus monumentos máis representativos. A historia da compañía transcorre en paralelo á historia moderna da cidade. Un século de existencia no que a tecnoloxía foi evolucionando a ritmo de vertixe facilitándonos paulatinamente a vida, facendo máis pequena e cómoda a cidade.

1903-1936

Del tranvía de Do tranvía de mulas á electrificación.a la electrificación

O 1 de xaneiro de 1903 comeza a nosa andadura; inaugúrase, por todo o alto, a primeira liña de tranvía de mulas que cubría o traxecto de Porta Real á Estación de ferrocarrís, con ramais a Riazor e cocheiras.

En 1907 unha compañía belga faise co control da empresa, pero a súa xestión non durará moito. En 1909 a compañía declárase en creba e a compañía de Tranvías recupera o control perdido.

En 1913 aproba a electrificación do tranvía e o servizo mellora notablemente. Acádanse os 20 km/hora e comeza a planificarse o tranvía interurbano entre A Coruña e Sada, que será unha realidade en 1922.

Son anos de continuas melloras tecnolóxicas e ampliacións de liñas, pero simultaneamente son tempos conflitivos con numerosas protestas obreiras e manifestacións.

1936-1962

A chegada do trolebús

Os anos da Guerra Civil e da Segunda Guerra Mundial derivaron nunha gran crise xeral que lle afectou considerablemente á compañía de tranvías. O illamento que sufriu o noso país neses anos tivo como consecuencia unha escaseza de pezas de reposto.



O trolebús, coa súa maior mobilidade grazas ás rodas de goma, xurdiu como solución aos constantes problemas. Así, en 1948 comeza a circular o primeiro trolebús, que cubría a liña entre a praza de Pontevedra e Monelos. A rede de trolebuses foi ampliando o seu servizo ata retirar o último dos tranvías en 1962. A rede chegou a alcanzar os 34,2 km de extensión ao longo de gran parte da cidade.

1962-1979

A chegada do autobús

As primeiras liñas de autobuses iniciáronse en 1965. Esta tecnoloxía, ao non ter que depender de ningunha infraestrutura na rúa, outorgaba unha versatilidade total para modificar e adaptar o servizo ás necesidades dunha cidade que medraba cada vez máis rapidamente.


Non obstante, na década dos setenta, comeza a notarse un descenso das persoas usuarias provocado, en parte, polo aumento de vehículos privados, polo que a compañía tivo dificultades para poder substituír o último dos trolebuses en 1979, sendo a última cidade de España en facelo.


A partir daquela, durante os anos oitenta, leváronse a cabo unha serie de reestruturacións e reformas nas liñas ata lograr reverter a tendencia descendente da demanda.

1979- Actualidade

A adopción das últimas tecnoloxías

A partir dos anos noventa, a compañía centra os seus esforzos na mellora constante da calidade do servizo, investindo na renovación constante da frota, pero tamén introducindo as últimas novidades tecnolóxicas.

En 1998, ponse en marcha un sistema pioneiro de pagamento mediante tarxeta chip moedeiro, o cal segue vixente hoxe en día e foi a base para os sistemas de tarxetas de transporte que xurdiron posteriormente. En 2003, coa celebración do centenario da empresa, instáurase un sistema de control por satélite, xunto cos primeiros paneis nas paradas con información en tempo real, co que se sitúa á cabeza da innovación. A compañía recibe ao ano seguinte o premio á mellor empresa de transporte público de España.

En 2013, Tranvías inaugurou a aplicación itranvias, ademais de iniciar a súa presenza nas redes sociais. En 2015, a compañía obtén as primeiras seis certificacións á súa xestión da calidade e do medio ambiente, e é unha das primeiras en lograr a certificación de seguridade viaria.

Actualmente, a compañía posúe a ratio de persoas viaxeiras por habitante máis alta de Galicia e unha dos maiores de España en cidades de tamaño similar á Coruña, ademais de obter un alto grao de satisfacción nas enquisas anuais.

Vista aérea das cocheiras dos Rosales, inauguradas en 1967

Autobús Pegaso con folletos informativos da reestruturación de 1989

Últimos trolebuses en circulación de dobre piso, 1979