Con motivo do Día Mundial da Infancia, que se celebra o 20 de novembro, Tranvías e UNICEF volvemos colaborar para sensibilizar á cidadanía coruñesa sobre os dereitos dos nenos, nenas e adolescentes. A iniciativa súmase este ano á campaña “Estamos aí, estamos aquí. Agora máis que nunca”, con la que UNICEF reivindica a importancia de estar presentes alí onde os dereitos da infancia están en risco, pero tamén nos nosos barrios e comunidades, acompañando aos nenos e nenas, escoitando as súas voces e traballando para garantir o seu benestar. O acordo foi formalizado por Ignacio Prada, director de Tranvías, e Julio Fernández, tesoureiro de UNICEF Comité Galicia.
Así, durante os próximos días, as persoas viaxantes do transporte público municipal coruñés atoparán cartelería e outros elementos informativos no interior dos autobuses, cun código QR que lles permitirá acceder aos contidos da campaña e coñecer o labor que desenvolve UNICEF.
Este ano, a conmemoración do Día Mundial da Infancia coincide co 80.*º aniversario de UNICEF e cun contexto especialmente complexo para millóns de nenos e nenas en todo o mundo, cuxos dereitos se ven ameazados polos conflitos, as crises humanitarias, a pobreza, a violencia e outras situacións de vulnerabilidade. Fronte a estes desafíos, a organización lembra que é necesario ofrecer respostas inmediatas e manter unha presenza activa tanto nos lugares onde a infancia necesita protección urxente como nas contornas máis próximas. A campaña tamén pon o foco na necesidade de que nenos, nenas e adolescentes sexan vistos, escoitados e tidos en conta, recoñecendo o seu papel activo na sociedade e o seu dereito para participar na construción de solucións para o seu presente e o seu futuro.
UNICEF é o fondo das Nacións Unidas para a Infancia e a organización líder na defensa e promoción dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes a nivel mundial. Fundada en 1946, traballa en máis de 190 países e territorios para garantir que todos os nenos e nenas, especialmente os máis vulnerables, vexan cumpridos os seus dereitos fundamentais: crecer sans, acceder á educación, vivir protexidos e ter igualdade de oportunidades.


