O Concello fixa os servizos mínimos do transporte urbano para a folga xeral do 11 de novembro con 48 autobuses en circulación

Información proporcionada polo Concello de A Coruña:

O Concello da Coruña aprobou os servizos mínimos que rexerán no transporte colectivo urbano de viaxeiros durante a folga xeral convocada para este mércores 11 de novembro, unha xornada de paro de 24 horas que afectará ao servizo prestado pola Compañía de Tranvías.

O Goberno municipal considera que o transporte público urbano é un servizo esencial para a comunidade, dado que garante o acceso da cidadanía a centros de traballo, educativos e sanitarios, así como a libre circulación pola cidade. Por este motivo, estableceuse unha prestación mínima que compatibiliza o dereito constitucional á folga co mantemento dun servizo básico para a veciñanza.

A resolución municipal fixa finalmente uns servizos mínimos equivalentes ao 53,93% da oferta habitual, con 48 autobuses en circulación dun total de 89 vehículos, unha porcentaxe intermedia entre a proposta da empresa concesionaria, que solicitaba 53 autobuses (59,55%), e a presentada polo comité de empresa, que propoñía 44 autobuses (49,44%). A proposta aprobada polo Concello buscou un equilibrio entre ambas posicións, priorizando especialmente as conexións cos centros sanitarios e os desprazamentos esenciais da cidadanía durante a xornada de folga.

Entre as liñas con maior dotación de servizos mínimos figuran as liñas 6-6A, con catro vehículos; a UDC, tamén con catro; e as liñas 4, 5, 7, 11, 12, 12A, 14 e 20, con tres autobuses cada unha. A liña UDC 2 (San Pedro de Mezonzo-Zapateira-UDC) non prestará servizo durante a xornada de folga.

O decreto tamén establece que a Compañía de Tranvías será a responsable da organización dos servizos mínimos e da designación do persoal necesario para a súa prestación, coa participación do comité de folga. Ademais, a concesionaria deberá informar ao Concello das incidencias que poidan producirse ao longo da xornada.

Servizos mínimos por liñas

  • Liña 1: 2 autobuses.
  • Liña 1A: 2 autobuses.
  • Liña 2-2A: 2 autobuses.
  • Liña 3-3A: 2 autobuses.
  • Liña 4: 3 autobuses.
  • Liña 5: 3 autobuses.
  • Liña 6-6A: 4 autobuses.
  • Liña 7: 3 autobuses.
  • Liña 11: 3 autobuses.
  • Liña 12: 3 autobuses.
  • Liña 12A: 3 Autobuses.
  • Liña 14: 3 autobuses.
  • Liña 17: 2 autobuses.
  • Liña 20: 3 autobuses.
  • Liña 21: 2 autobuses.
  • Liña 22: 2 autobuses.
  • Liña 23-23A: 1 autobús.
  • Liña 24: 1 autobús.
  • Liña UDC: 4 autobuses.
  • Liña UDC 2: Sen servizo.
  • Total: 48 autobuses (53,93%).

 

Facebook
LinkedIn