A Coruña en negro

20161118-rocio-fraga-a-coruna-en-negro-2O Concello pon en marcha a campaña ‘A Coruña en negro contra as violencias
machistas’ con máis de 200 entidades da cidade “para mostrar a implicación común de todos os axentes contra esta realidade”

A edil de Igualdade, Rocío Fraga, presentou a iniciativa, que se desenvolverá desde hoxe e ata o próximo 28 de novembro en 17 concellos de Galicia. Na Coruña participarán axentes do ámbito deportivo, hostalería e comercial, así como os distintos servizos e recintos municipais

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou no Pazo de María Pita as actividades vinculadas ao 25 de novembro, o Día contra as Violencias Machistas, e que este ano enmárcanse na campaña ‘A Coruña en negro contra as violencias machistas’, unha iniciativa que se desenvolverá desde hoxe e até o próximo domingo 28 en 17 concellos de Galicia, que onte se adheriron no Pazo de Raxoi á proposta. “O obxectivo destes ‘Concellos en Negro’ é concienciar á veciñanza e expandir visiblemente unha imaxe asumible por todas e todos os axentes sociais, e que mostre a implicación común, como non pode ser doutro xeito, en repulsa das violencias machistas”, expuxo Fraga. “As efemérides son importantes para visibilizar realidades. Estas campañas axudan a que as mulleres que acoden ao CIM ou á Rede de Acollida o fagan cunha actitude moito máis normalizada e non de vergoña, o que supón unha barreira menos tamén para afrontar a súa situación”, explicou Fraga.

A campaña que hoxe comeza ten como obxectivo sensibilizar á cidadanía “a través da implicación, nun primeiro momento, do comercio de proximidade, que tingue a súa imaxe máis coñecida, os seus escaparates, de negro”, explicou a responsable municipal, quen indicou que “na Coruña iremos máis aló e traballaremos con axentes e entidades locais doutros sectores, como do ámbito deportivo ou da hostalería, á fin de chegar a toda a veciñanza”.

Na presentación desta mañá, a concelleira avanzou a adhesión de 217 entidades locais á campaña, “ás que se lle facilitará material editado polo Concello para mostrar o seu compromiso”, entre as que se atopan 33 clubs deportivos, como o Real Club Deportivo da Coruña; 140 comercios e asociacións comerciais, incluíndo o Centro Comercial Catro Camiños, e 44 locais de hostalería, ademais de 90 servizos e centros municipais, como son os nove mercados, bibliotecas, centros cívicos, CMIX e espazos como o Fórum Metropolitano, centro Ágora, entre outros. “Todas aquelas entidades que desexen adherirse estes días á campaña, e vestirse de negro en contra da
violencia, tamén poderán facelo”, afirmou Fraga, quen avanzou que a acción tamén chegará ás redes sociais cos cancelos #CoruñaEnNegro e #EnNegroContraAViolencia. “Esta proposta ‘piloto’ é aberta, e agardamos que esta implicación e compromiso medre co tempo”, dixo a edil, que
estivo acompañada na rolda de prensa por Iria Rodríguez, responsable de Relacións Públicas de Gadisa, e de José Ignacio Prada, Director da Compañía de Tranvías.

Ademais desta proposta visual, a programación da campaña inclúe actividades en centros educativos a través de representacións teatral coa obra Vestido de voda, e o obradoiro Micromachista, eu? que acollerá esta tarde, ás 16.30 horas, o centro cívico Monelos.

“Alén destas accións, hai un traballo de visualización necesario que debe facerse no día a día. Este ano levamos 38 asasinatos machistas como cifra oficial, pero para nós son 92 feminicidios e asasinatos, se contamos outros casos tamén vinculados a estas violencias”, advertiu a edil. Neste sentido, Fraga vinculou o lanzamento de ‘A Coruña en negro contra as violencias machistas’ con outras iniciativas que se están a desenvolver desde a súa área, como o lanzamento do ‘Pacto por unha cidade libre de violencias machistas’. “Onte mantivemos a primeira xuntanza con entidades
sociais arredor deste proxecto no Centro Cívico Monte Alto”, explicou, “co espírito de vincular a todos os axentes da cidade na loita contra as violencias machistas”. A edil sinalou que este proceso terá unha primeira fase, entre os meses de novembro e maio, que permitirá “elaborar medidas e compromisos tanto para as administracións públicas como para as entidades sociais”.

Facebook
X
LinkedIn