Despois de mais de 115 anos de servizo, a compañía de Tranvías da Coruña é todo un símbolo da cidade. Os seus autobuses forman parte da paisaxe coruñesa case tanto como os seus monumentos máis representativos. A historia da compañía transcorre en paralelo á historia moderna da cidade. Un século de existencia no que a tecnoloxía foi evolucionando a ritmo de vertixe facilitándonos paulatinamente a vida, facendo máis pequena e cómoda a cidade.
1903-1936: Do tranvía de mulas á electrificación.
O 1 de xaneiro de 1903 comeza a nosa andadura; inaugúrase, por todo o alto, a primeira liña de tranvía de mulas que cubría o traxecto de Porta Real á Estación de ferrocarrís, con ramais a Riazor e cocheiras.
En 1907 unha compañía belga faise co control da empresa, pero a súa xestión non durará moito. En 1909 a compañía declárase en creba e a compañía de Tranvías recupera o control perdido.
En 1913 aproba a electrificación do tranvía e o servizo mellora notablemente. Acádanse os 20 km/hora e comeza a planificarse o tranvía interurbano entre A Coruña e Sada, que será unha realidade en 1922.
Son anos de continuas melloras tecnolóxicas e ampliacións de liñas, pero simultaneamente son tempos conflitivos con numerosas protestas obreiras e manifestacións.
1936-1962: A chegada do trolebús.
Os anos da guerra civil e a II Guerra Mundial derivaron nunha gran crise xeral que afectou considerablemente á Compañía de Tranvías, que acusa un descenso de beneficios. O illamento que sufriu o noso país neses anos tivo como consecuencia unha escaseza de pezas de reposto.
O trolebús, coa súa maior mobilidade grazas ás rodas de goma, xurdiu como solución aos constantes problemas. A pesar de que en 1947 se rexistra o récord histórico de viaxeiros en tranvía, en 1948 comeza a circular o primeiro trolebús cubrindo a liña entre a Praza de Pontevedra e Monelos.
Trolebuses e tranvías conviviron xuntos ata principios dos sesenta. En 1961, 18 novos trolebuses de dous pisos incorpóranse á frota da compañía e desprazan definitivamente aos tranvías.
1962-1979: Comeza o reinado do autobús
Os trolebuses dominan a paisaxe coruñesa, pero por pouco tempo. En 1965 a compañía de Tranvías obtén a primeira concesión de autobuses e xorde a Liña A que cubrirá o traxecto entre a Praza de Pontevedra e a Ponte da Pasaxe.
Os recentemente chegados autobuses comezan a substituír aos trolebuses. En 1978 Autobuses Urbanos da Coruña e a Compañía de Tranvías fusiónanse nunha única empresa. Un ano máis tarde os trolebuses deixan de circular despois de 31 anos de servizo.
1979- actualidade: A volta do tranvía e a adopción das últimas tecnoloxías.
Na década dos 80 comeza a notarse un descenso dos viaxeiros provocado polo aumento de vehículos privados. En 1989, para paliar os efectos da baixada de usuarios, culmínanse unha serie de reformas e reestruturacións de liñas.
En 1997, o alcalde culmina unha idea que levaba anos barallando; a recuperación do tranvía para uso turístico. Pouco e pouco irá ampliando a liña ata completar gran parte do paseo marítimo.
O centenario da compañía no ano 2003 trae consigo un novo sistema de control por satélite, unha mellora tecnolóxica que supón un gran avance para os usuarios. Un ano despois preséntanse as paradas intelixentes e a compañía recibe o premio á mellor empresa de transporte público de España.
En 2013 a compañía cumpre 110 anos cunha gran frota de autobuses dotados coas últimas tecnoloxías e inaugurando a súa presenza nas redes sociais.